A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou unha “oposición construtiva e en positivo” co obxectivo claro de mellorar a vida dos galegos e das galegas e aportar solucións aos problemas que afectan no día a día á xente deste País, enfrontando as grandes transformacións que precisa Galiza.
Nesta dirección, Pontón anunciou a que será a primeira iniciativa que rexistrará o BNG no Parlamento galego nesta lexislatura: unha proposición de lei para crear unha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz ás familias e ás empresas.
“Este é un debate de gran calado que merecería un gran acordo de País para poñer a enerxía eléctrica ao servizo da sociedade galega e non dos lobbys enerxéticos”, afondou logo da primeira reunión de traballo do grupo parlamentario nacionalista despois das eleccións do 18 de febreiro, nas que conseguiu 25 deputados e deputadas.
Fronte a un PP que, segundo dixo, “está empeñado en poñer a nosa riqueza eléctrica en mans dunha presa de multinacionais para que se sigan forrando os de sempre”, a líder nacionalista afirmou que “no BNG estamos empeñadas en poñer a riqueza eléctrica deste País ao servizo das familias e das empresas”.