Ana Pontón aposta pola dixitalización do rural

Cedida.

A líder do BNG fixo fincapé, nunha visita ao Campus de Lugo, na  importancia de aplicar a ciencia e a innovación ao tecido produtivo real, “para que os sectores tradicionais ganen músculo da man da I+D+i, para ser competitivos e xerar valor engadido a través do peche dos ciclos produtivos, abrindo a porta a emprego de máis calidade, a un aumento de rendas para os produtores e produtoras e propiciar unha actividade industrial de transformación dos produtos vinculados ao sector agrogandeiro, sector esencial na economía de Galiza, creando unha rede de empresas que leven a cabo esa transformación”. Pontón destacou a importancia da ciencia e da investigación aplicada tamén ao sector primario, estratéxico para a economía na provincia de Lugo e para o conxunto da Galiza interior. A líder do Bloque tamén puxo sobre a mesa a necesidade de que o rural conte con todos os servizos tecnolóxicos, e para iso é urxente que se incorpore de cheo ao proceso de dixitalización, tendo en conta que o teletraballo chegou para quedarse, “é unha gran oportunidade para o rural pero para iso precísanse boas conexións, un rural que tamén sexa dixital”, subliñou.