A portavoz nacional, Ana Pontón, pechou o período de reflexión, -“profunda e sosegada”-, anunciando a súa disposición a liderar o reto colectivo que ten por diante o BNG: construír un proxecto gañador capaz de disputarlle a hexemonía ao PP e liderar o Goberno de Galiza en 2024, desde a máxima convicción, entrega e ilusión.
“A importancia do reto que temos por diante é tal que para min non era posible deixarme levar pola inercia, nin pola compracencia, porque acomodarse cando está en xogo o futuro de Galiza tería sido un erro maiúsculo e, seguramente, un lastre no reto colectivo que temos por diante”, explicou Pontón, quen destacou que o Bloque vai abrir un novo ciclo político tras a Asemblea Nacional do 7 de novembro, toda vez que hoxe é a segunda forza política do País.
Pontón considera que é “obriga” dunha forza política e dos seus dirixentes facer un lectura acertada de cada momento, para seguir gañando a confianza de máis galegos e galegas, “de aí nace o meu proceso de reflexión”, declarou. Reflexión persoal que, “humildemente” tamén quería servir para “testar” se a base do nacionalismo compartía a importancia do reto, “pois non se trata de conseguir unha presa máis de escanos, senón de liderar Galiza”.
Neste sentido, a portavoz nacional decide pechar a súa reflexión dando un paso adiante “con toda a convicción e con toda a ilusión”, tras comprobar “que hai unha amplía maioría que comparte ese obxectivo de traballar para disputarlle a hexemonía ao PP e encabezar o Goberno do País en 2024”.
Por primeira vez, o BNG pode afrontar “con garantías de éxito” o obxectivo de abrir un tempo novo desde a Presidencia, “porque hai un sentimento nacional moi forte e o noso traballo consiste precisamente en traducir ese sentimento en apoio político, social e electoral”.
Por iso confirma a súa disposición a seguir sumando para construír un proxecto gañador, se así o decide a militancia. “Son das que penso que a política non consiste só en ter razón, senón en construír un proxecto ganador, o que só é posible se a cidadanía che da a razón. E isto é o que colectivamente queremos lograr no BNG: construír un proxecto gañador para liderar o Goberno de Galiza”.
Pontón encabezará a candidatura que o Consello Nacional aprobará este sábado e que será sometida a referendo da militancia na XVII asemblea nacional, cita que dará paso a un novo ciclo político no que, en primeiro lugar, hai que seguir fortalecendo a organización e ensanchar a base social, porque sen esta fortaleza todos os avances “terían os pés de barro”.
Igualmente, hai que seguir avanzando nas eleccións municipais, “enfrontándoas con decisión e coa convicción de que os nosos proxectos municipais poden chegar á maioría social”; hai que aumentar a representación nas Cortes do Estado, “como garantía de defensa dos intereses dos e das galegas”. Todos obxectivos claves no camiño ao gran reto de presidir o Goberno do País en 2024.