Ana Pontón asume o compromiso de construír unha Galiza con futuro para a mocidade


A portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo un encontro con xente nova ante a que se comprometeu a construír unha Galiza con oportunidades para a mocidade, fronte ao Goberno de Feixóo que en doce anos expulsou á emigración a 218.000 mozos e mozas menores de 34 anos. Traballo digno e vivenda accesible son a clave, sintetizou, e iso require políticas públicas hoxe inexistentes. En materia de emprego, o BNG propón a posta en marcha dun plan de emprego xuvenil e un plan retorna para traer de volta á mocidade emigrada, financiados con fondos europeos de recuperación, Next Generation. En canto ao acceso a unha vivenda, o BNG aposta por un banco galego de vivenda para xestionar e administrar vivendas baleiras e poñelas en alugueiro. Pontón destacou que as novas xeracións teñen motivos para “sentirse estafadas” ante un Executivo de Feixóo que non lle da máis saída que “precariedade, paro ou emigración”. No encontro, a líder nacionalista tamén valorou a unha xuventude que defende o seu dereito a expresarse e a sentir, libre das normas dun modelo que impón o patriarcado.