A candidata á Presidencia da Xunta polo BNG, Ana Pontón, proclamou en Carballo que o 12 de xullo só hai dúas alternativas: “ou inmobilismo do PP ou o cambio galego da man do BNG”. Para conseguilo, pediu a todas as persoas que queren abrir un tempo novo “que se mobilicen de xeito masivo enchendo as urnas de papeletas do BNG para darlle a Galiza un goberno que se faga valer liderado, por primeira vez na historia deste país, por unha muller e por unha nacionalista”, a partir do 12 de xullo acabouse o tempo da discriminación e do maltrato con Carballo e empeza o tempo da colaboración e do traballo conxunto entre o Goberno galego e o goberno deste concello”, proclamou.
Pontón, que trasladou o orgullo do traballo feito por Evencio Ferrero e a súa equipa no concello de Carballo, confesou que unha das súas motivacións nesta cita electoral é “ser a presidenta dun Goberno alidado de Carballo”, e deixar atrás a discriminación da Xunta de Feixóo con este concello co que, lonxe de colaborar, non fixo senón poñer paus nas rodas.
“É aínda así os logros son incontestables e están á vista de todos e de todas, aínda así Carballo avanza, prospera, transformase en positivo, con ideas, con proxectos da man dun goberno do BNG, imaxinade o paso de xigante que vai poder dar Carballo cun Goberno da Xunta que colabore, que sume, que apoie as demandas deste concello e da súa veciñanza, ese é o Goberno que quero liderar a partir do 12 de xullo”, recalcou.
Pontón comprometeu o seu apoio aos proxectos estratéxicos longamente demandandos por Carballo en infraestruturas, en solo empresarial ou en servizos, “tendes o meu compromiso para sacar adiante a circunvalación, porque é unha demanda incontestable, porque a veciñanza ten toda a razón cando reclama un entorno seguro e con calidade de vida, e para iso é imprescindible aliviar o tráfico de vehículos pesados que hoxe cruzan a vila e darlle unha alternativa áxil comunicando con Santiago e e cara o sur do país”. Neste punto, un Goberno do BNG vai traballar man a man co goberno municipal, “e o mesmo faremos coa vella demanda de poñer en marcha as infraestruturas necesarias para abastecer de auga á costa, como é o caso de Razo e Baldaio, ou para evitar as inundacións derivadas das enchentes do Río Anllóns”, afirmou Ana Pontón.
