A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse a Carballo para apoiar a candidatura que lidera o actual alcalde e candidato á reeleción, Evencio Ferrero, visita que lle permitiu volver poñer en valor o modelo municipal do BNG, un modelo transformador que mellora a vida das persoas como demostrou en Carballo.
“Deixa á vista a capacidade de transformación dos gobernos BNG que melloran a vida das persoas e crean dinamismo económico, social e cultural, cun Carballo convertido hoxe nun referente en toda Galiza polo seu bo facer. Antes era un lugar parado no tempo, sen pulso, que quedaba no camiño en dirección A Coruña. Pero hoxe esta vila é unha referencia en toda a comarca e en todo o país”, salientou Pontón, tras o reparto electoral con Ferrero e o resto da candidatura no mercado da vila.
«O BNG é o referente para todas as persoas que queren políticas transformadoras, que queren ver as súas vilas que avanzan, que progresan, confiando na nosa lingua, na nosa cultura, na nosa identidade e sendo capaces de poñer en marcha unha mellora dos servizos públicos e concellos sustentables. Todos son sinais de identidade do modelo municipal do BNG que podemos ver con toda plenitude en Carballo”, argumentou.