Ana Pontón compartiu cos gandeiros mazaricáns as súas propostas para o agro

7 minutes read

O BNG propón ‘Do Rural á Mesa’, un programa de compra de produto galego para comedores escolares, hospitais ou centros sociais e da administración

Pontón comprometeuse en concreto a mobilizar 100.000 hectáreas nos próximos dez anos como solución a necesidade de aumento da superficie agraria útil, e avogou pola incorporación de xente moza, Anunciou tamén un tícket rural dotado con 15.000 euros anuais e rebaixas nas cotizacións dos emprendedores para impulsar proxectos innovadores no sector agrogandeiro.

A portavoz nacional do BNG e candidata nacionalista á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, estivo na mañá deste luns nunha explotación gandeira dirixida por mulleres en Mazaricos ademais de realizar un encontro con gandeiros, unha visita que aproveitou para avanzar algunha das propostas dun futuro Goberno do BNG para o sector agrogandeiro. Entre elas, a posta en marcha do programa ‘Do rural á Mesa’ destinado á compra pública de produto galego para o seu consumo en comedores de centros escolares, hospitais, centros sociais e da Administración.

A candidata comprometeuse en Mazaricos co obxectivo de manter “un rural vivo e produtivo” que o programa do BNG enfoca dende tres claves prioritarias: a dotación de servizos propios do século XXI tanto no ámbito social como tecnolóxico, o apoio ao sector agrogandeiro e o fomento do emprendemento para dar paso a novas actividades económicas.

100.000 hectáreas máis de superficie agraria útil

A candidata do BNG considerou, por outra banda, que para as explotacións agrogandeiras é fundamental o aumento da superficie agraria útil, que en Galiza é menor que non conxunto do Estado e de Europa. Mobilizar para pasto terras de monte que hoxe son improdutivas, permitir o cambio de usos da terra segundo as necesidades dos gandeiros e as gandeiras ou reactivar o banco de terras para facilitar o uso agrogandeiro das que están abandonadas son algunha das propostas do BNG neste eido.

Pontón comprometeuse en concreto a mobilizar 100.000 hectáreas nos próximos dez anos como “revulsivo” para o sector agrogandeiro e avogou pola incorporación de xente moza, un obxectivo que o BNG quere acadar mediante un plan de axudas específico pra facilitar o relevo xeracional das explotacións, que tamén se nutra con fondos procedentes da PAC.

Entre as medidas concretas para avanzar nun rural capaz de xerar riqueza e emprego, e que ao tempo axude a preservar o territorio, Pontón avanzou a posta en marcha dun tícket rural, dotado con até 15.000 euros anuais, durante un quinquenio, para apoiar proxectos innovadores que non estean directamente relacionados co sector agrogandeiro. Para completar esta medida, adiantou que co BNG na Xunta haberá rebaixas na cotización á Seguridade Social para todas as persoas que emprendan no rural. En concreto, o programa nacionalista inclúe exencións na cota de autónomos durante os tres primeiros anos.

‘Do Rural á Mesa’

Este programa servirá, destacou Pontón, para “apoiar de maneira directa os nosos produtores e produtoras, mais tamén para aumentar a calidade da alimentación que se proporciona nos espazos públicos”. Trátase, afondou a portavoz nacional e candidata, dun programa aberto ao conxunto das administracións galegas mediante a compra conxunta de “produto fresco, galego e de proximidade” co que fornecer ás cociñas de todos os comedores de carácter público, un obxectivo que a candidata nacionalista propuxo cumprir ao longo da lexislatura. Na mesa liña, avanzou que un goberno liderado polo BNG vai pór en marcha un cheque de compra de alimentación para que as familias de rendas más baixas, “as que peor o están a pasar”, teñan acceso a produtos frescos de calidade e, polo tanto, tamén a unha mellor alimentación.

Apoio ás mulleres do rural

A candidata nacionalista aproveitou a visita á explotación de Mazaricos para destacar o traballo feito polas mulleres no rural, moitas veces non recoñecido. Por iso un dos seus compromisos será tamén traballar pola igualdade no rural, promovendo a cotitularidade das explotacións ou con máis recursos para a conciliación.

“Temos que dar un paso adiante cunha política de discriminación positiva”, proclamou Pontón, que destacou que unha das súas prioridades como presidenta da Xunta será dotar ao rural de máis servizos públicos, tanto en sanidade como en educación ou nos coidados ás persoas maiores. Entre outras medidas, anunciou a extensión do servizo de xantar na casa a todas as persoas maiores do rural que teñan algún grao de dependencia recoñecido.

“Galiza precisa un cambio de rumbo tamén no rural cun goberno que apoie a súa capacidade e todo o seu potencial”, asegurou Pontón. “Todos os países avanzados teñen un rural forte e produtivo, e queremos que Galiza sexa un deles”, concluíu.

Finalizada a visita á explotación, Pontón mantivo un encontro con gandeiros e gandeiras de Mazaricos, un concello que conta con 350 explotacións e 25.000 cabezas de gando.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?