A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu da perda de peso relativo da sanidade e a educación no proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2021, proxecto que cualificou de “repetición de titulares e mantras propagandísticos” e que, segundo subliñou, “non da a resposta que necesita o país no medio da maior crise económica, social e sanitaria que levamos vivido nas últimas décadas”.
Na súa valoración sobre as contas públicas presentadas no Parlamento galego, “logo dunha fin de semana de propaganda”, Pontón criticou que “nin no medio dunha pandemia somos capaces de ver ao señor Feixóo presentando unhas contas que axuden a erguer este país” e puxo o foco sobre as partidas destinadas aos servizos públicos esenciais. Así, criticou que o Goberno do PP condene os servizos públicos a un “infrafinanciamento crónico” que debilita a prestación dunha mellor atención sanitaria ante a pandemia e cando, ao seu xuízo, este é precisamente o momento de capitalizalos “para poder reverter unha década de recortes”.
Neste sentido alertou de que a educación ve diminuído o seu peso nas contas globais de 2021 ao 20% cando no 2020 representaba o 20,3%, mentres que a sanidade pasa do 33,8% de 2020 ao 33,3% nos orzamentos do próximo exercicio, ámbito este último sobre o que amosou unha especial preocupación “porque hai que preparar Galicia para enfrontar a terceira onda da pandemia”. “Nestes orzamentos había que reforzar a sanidade pública, a contratación de rastrexadores, blindar as residencias”, enumerou.