A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este mércores un encontro con representantes de familiares de persoas usuarias e traballadoras de residencias, e trasladou o compromiso do BNG de actuar politicamente “sen descanso” cara un modelo de coidados que garanta o dereito a unha vellez digna, o que, na súa opinión, pasa pola xestión pública destes centros. Pontón salientou que o BNG fará deste asunto unha “prioridade” da súa acción política e avanzou algunhas das medidas que trasladou no encontro con representantes de familiares, -agrupados na Asociación Vellez Digna-, e das Traballadoras de Residencias Galegas (TREGA). A dirixente nacionalista puxo de relevo que entre as leccións que deixa a pandemia do coronavirus está que non se pode manter un modelo de xestión que permite que algunhas empresas poida facer negocio coa atención ás persoas maiores.
Pontón sinalou que, se despois de todo o ocorrido no último ano, o Goberno do PP limítase a facer un cambio «puramente cosmético», con medidas como o expediente electrónico dos usuarios, entón «sería unha fraude, sería inmoral e sería demoledor como sociedade», esgrimiu. Outro dos aspectos no que a portavoz nacionalista fixo fincapé foi na urxencia de acabar coa opacidade do sistema a favor da transparencia, tanto para ás familias como para o conxunto da sociedade. “Por exemplo, non sabemos cantos cartos públicos van parar ás empresas privadas xestionadas por fondos de investimento, que mesmo operan desde paraísos fiscais”, indicou a modo de exemplo.