Ana Pontón defende o modelo enerxético alternativo do BNG en Mazaricos

1 minutes read

A candidata á Presidencia da Xunta e actual líder da oposición, Ana Pontón, visitou as instalacións de Piensos Alborés para avaliar o impacto que tivo na súa produción a implantación dunha planta fotovoltaica para a xeración de enerxía. Unha experiencia que exemplifica “como con outro modelo enerxético” as empresas poden reducir a súa factura eléctrica, o que considerou clave non só para o sector industrial senón tamén para o agrogandeiro.

A portavoz nacionalista compromete un novo modelo enerxético que impulse o autoconsumo para «democratizar» a riqueza enerxética do País, se obtén a confianza dos galegos e das galegas para ser a próxima presidenta da Xunta. Estivo acompañada polo deputado Luís Bará e polo alcalde de Mazaricos, Juan Blanco. Tamén participaron na visita representantes da empresa E.nova Enerxía. Denunciou que o modelo do goberno do PP que “entrega a riqueza eléctrica do País ás grandes enerxéticas».

Por iso, e fronte ao modelo do Goberno do PP que “entrega a riqueza eléctrica do País ás grandes enerxéticas”, a líder nacionalista defendeu a alternativa do BNG que aposta por “democratizar a enerxía”, impulsando un modelo máis descentralizado, incrementando o mix enerxético e poñendo “toda esa riqueza eléctrica ao servizo das familias e das empresas”. Ana Pontón avoga pola creación dunha empresa pública de enerxía liderada pola Xunta e aberta á participación das entidades locais. «Un modelo que ten que quitar o poder ás eléctricas e, sobre todo, que ten que ordenar e planificar como queremos facer a transición enerxética e poñer a riqueza eléctrica do País ao servizo da sociedade galega».