A voceira nacional e candidata a presidir a Xunta polo BNG, Ana Pontón, participou este mércores nun acto na Fundación ONCE da Coruña organizado por Foro Cívico baixo o título «É posible un cambio o 5 de abril?». Pontón estivo arroupada por líderes do partido como o concelleiro coruñés Francisco Jorquera, ou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Pontón asegurou a existencia dunha campaña soterrada e orquestada polo Partido Popular para chamar á abstención, escenario que segundo a nacionalista é propicio para manter a maioría absoluta de Núñez Feijóo.
Pontón tildou de recentralizadoras as políticas do Estado coa recente crise económica como coartada para absorber economía, industria e poboación.
En canto a sanidade, Ana Pontón referiuse á ampliación do CHUAC, do que dixo que precisa diálogo. Tamén considerou de atentado deliberado os recortes na sanidade e principalmente en atención primaria, da que dixo ter 200 millóns de euros menos de orzamento que en 2009.
Ademais tocáronse outros temas a petición do público como o capítulo pesqueiro, sobre o que dixo que é necesario recuperar cotas pesqueiras e mellorar as trazabilidades fronte a intereses do sector acuícola.