Ana Pontón entrega no BNG os avais para poder ser candidata á Xunta

1 minutes read

Acompañada de varias militantes, Pontón presentou na sede do BNG 1.252 avais, «unhas seis veces os estipulados como mínimo», e agradeceu a «implicación» de todos os que a apoiaron. «Nesta organización hai moita xente que confía en min, no proxecto do BNG e dáme confianza para ser candidata», subliñou.

Neste sentido, asegurou que da este paso tras «unha reflexión colectiva» e que o fai «con ilusión, confianza e responsabilidade», consciente de que hai «un reto moi importante» por diante: «lograr que en 2020 se abra un novo tempo para Galicia e para o BNG».

«Imos ir a por todas. O obxectivo desta candidatura é liderar unha nova etapa na Xunta, ser capaces de liderar o cambio político. Deixar atrás unha década de recortes, precariedade, mentiras e un Goberno de Feijóo que nunca estivo á altura, que non ten un proxecto que ofrecer aos galegos e que deixa Galicia peor que cando chegou», incidiu.

Proclamou que a xente ten «esperanza» en que se abra «un tempo novo» que permita «deixar atrás unha década nefasta» marcada polas políticas do PPdeG.