Ana Pontón dixo este sábado encarar as eleccións do 26M con “optimismo e decisión” sabendo que ten motivos para “ir a por todas” nos comicios municipais e europeos: Está en claro ascenso, -como constatou o 28A-, e conta co aval do traballo feito nos concellos nacionalistas, -convertidos en referentes de bo goberno-, e co traballo feito na Eurocámara da man da candidata e actual eurodeputada, Ana Miranda, quen foi capaz de converter o escano do Bloque no escano de Galiza.
“Co aval do traballo feito e cun BNG en remontada, estou convencida de que imos conseguir un gran resultado o 26M que nos permitirá seguir defendendo os intereses dos e das galegas en condicións melloradas e reforzadas”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención no Consello Nacional, “con optimismo, decisión e coa certeza de que o avance deste proxecto é imparable”.
Neste escenario, a líder nacionalista fixo un chamamento á militancia e simpatizantes aos que pediu “inconformismo” e un novo esforzo para “dar un paso adiante” na cita coas urnas: “é o que precisa Galiza é a maioría social do país”. De feito, coa mirada a medio prazo, Pontón avanzou que os resultados do 26M serán a antesala para un BNG “que quere ser determinante na fin do decenio negro de Feixóo e do PP” nas eleccións galegas de 2020.