A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou a Casa Grande de Xanceda para coñecer de primeira man a repercusión do boom eólico que, deseñado a favor do lobby eléctrico, supón literalmente unha “bomba” para o medio rural que ameaza con levarse por diante riqueza e emprego, mentres afonda no abandono e na despoboación.
“Este boom eólico depredador e especulativo é unha bomba para o medio rural e está deseñado de costas a este medio, pensado unicamente para o lucro das eléctricas que teñen unha cadeira no Consello da Xunta e outra no Consello de Ministros e ministras”, denunciou, “un modelo que ameaza proxectos emblemáticos de desenvolvemento no medio rural, capaces de recuperar terras, fixar poboación e crear emprego, e todo iso de maneira sustentable e pechando un ciclo produtivo”, recalcou.
Tras unha visita guiada pola explotación, Pontón subliñou que son este tipo de iniciativas ás que dan vida e futuro ao rural fronte a un modelo eólico de rapina á medida do lobby eléctrico.
