Ana Pontón | ‘Galicia pecha 2021 cos mesmos problemas cos que empezou’

1 minutes read

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo balance do ano destacando que 2021 remata practicamente cos mesmos problemas cos que empezou, moitos deles mesmo agravados ante a incapacidade do Goberno de Feijóo de achegar solucións, como no caso do colapso en atención primaria, unha cuestión na que a líder do BNG foi especialmente crítica en plena sexta onda da pandemia. “Fai faltar ter o corazón de pedra para maltratar así os e as profesionais da sanidade pública e fai falta ter o corazón de pedra para seguir deteriorando a saúde dos e das galegas”, lamentou.

En materia de servizos sociais, tampouco houbo avances cara un novo modelo de residencias que garantan o dereito a unha vellez digna desde un sistema público.

Nada igualmente para frear a desertización industrial e, unha vez máis, a crise de ALCOA segue nos titulares “sen que o Goberno do PP mova un dedo para a intervención pública”, ao contrario, “agora temos a ex conselleira Beatriz Mato utilizando A Mariña para facer negocio utilizando as portas xiratorias”, criticou.

Pontón afirmou tamén que o Executivo foi incapaz de deter a  cascada de peches, que segue imparable. 2021 conclúe coa estafa da luz en titulares, mentres o PP mantén o veto á tarifa eléctrica galega pese ao aumento da pobreza enerxética, -pasou do 6 ao 9,6%-, e ós miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos.

No seu balance do ano, Pontón destacou a persistencia da emigración e a precariedade laboral da xente moza, nunha Galicia que perdeu 218.000 persoas entre 16 e 34 anos.