A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou no Parlamento que o PP xa representa o pasado, cun Feijóo que é “o primeiro en abandonar o barco”, deixando un País peor do que o encontrou cando chegou á Presidencia fai trece anos.
Pontón, que interpelou ó xefe do Executivo pola crise de prezos, subliñou que “o cambio galego está en marcha porque Galiza ten fame de cambio, un cambio real que o BNG, con humildade pero con ambición, aspira a liderar para darlle un futuro mellor a xente deste País, porque Galiza merece algo mellor que un Goberno do PP que leva trece anos instalado no non, no non a todo o que supoña a defensa dos intereses dos galegos e das galegas. Son vostedes o partido do non”, sentenciou.
A líder do Bloque lembrou que os galegos e as galegas pagan os carburantes máis caros, pese a aguantar os custes ambientais de ter unha refinería na Coruña, e pagan a luz a un prezo insoportable, pese a ser ricos en electricidade e aguantar os custes ambientais de ter os ríos cheos de encoros e os montes con 4.000 muíños.