A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu a Núñez Feijóo que deixe de “amagar” e facer anuncios baldeiros nos medios de comunicación e “presente un recurso xudicial” para que o Estado abone os 700 millóns de euros que lle debe a Galicia.
A parálise política do estado, explicou Pontón, non pode ter consecuencias para o financiamento das CC.AA e vemos que o Presidente da Xunta, unha vez máis, non está á altura das circunstancias. Vemos a un presidente facendo “amagos” pero sen determinación e si o estado nos debe 700 millóns de euros, Feijóo debe tomar nota de Cataluña que acaba de anunciar a presentación dun recurso xudicial para reclamar a súa débeda. Dende o BNG, afirmou a nacionalista, “instamos a Feijóo a que presente un recurso xudicial, non só para reclamar os 700M€ porque o estado ten máis débedas con Galicia e debe a maiores, reclamar 200 millóns de euros en materia de dependencia e máis de 2.000 millóns presupostados que non foron investidos na mellora do ferrocarril”.
En Galicia, recalcou Pontón necesitamos un presidente que exerza como tal e non un comentarista dedicado a facer declaracións e titulares nos medios. “O problemas do financiamento é grave e hai que cambiar o modelo centralista que está a impedir a prestación de servizos básicos pola retención de recursos”. Temos que cambiar o actual modelo de financiamento para recadar os nosos impostos, calcular o que precisamos para as nosas competencias e que “sexamos nós quen paguemos ao Estado polas súas competencias” como acontece en Euskadi e Navarra.