Ana Pontón insta a mobilizarse este 25X, por unha saída da crise ‘xusta e social’


A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG con motivo da celebración do Día da Patria que desenvolverá por toda Galiza e culminará coa gran manifestación do 25 de xullo en Santiago de Compostela, unha campaña que este ano leva por título Gañarmos o futuro, a nova Galiza en marcha. A líder do Bloque instou a participar nesa manifestación a todas as persoas “que queren unha saída xusta, social e galega” da crise.

“Queremos trasladar a mensaxe de que o cambio político está en marcha co BNG, cambio que pasa por facernos valer como País”, destacou, tendo en conta que este Día da Patria “ten como singularidade” a escalada de prezos que impacta na maioría social e ten tamén como pano de fondo “unha situación de cambio político que se vai deixar sentir xa nas eleccións municipais”.

“Cada vez son máis as persoas que queren un cambio e saben que o BNG é o motor dese cambio para construír unha Galiza mellor”, concluíu Pontón.