O BNG celebrará este mércores 14 en Carballo o mitin central da campaña na comarca de Bergantiños. Aínda que inicialmente estaba prevista a presenza de Ana Pontón, a candidata á presidencia da Xunta de Galicia non poderá asistir porque o acto coincidirá, finalmente, co debate organizado pola TVE, un debate a dous porque o candidato do PP, Alfonso Rueda, non quere dar a cara diante das galegas e dos galegos na televisión pública estatal. Ana Pontón non só dará a cara en Televisión Española, senón que ademais poderemos vela e escoitala a través dunha pantalla no acto de Carballo.
O mitin celebrarase na planta alta do mercado municipal a partir das 20.00 horas, e contará coas intervencións de Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; Carolina Castiñeiras, candidata número 15 do BNG pola Coruña; Daniel Pérez, número 5, e Mercedes Queixas, número 2.
Promo do mitin do BNG en Carballo.
Ao remate do acto, e ata o comezo do debate en TVE, haberá animación musical e uns petiscos na planta baixa do mercado municipal, onde se colocará unha gran pantalla para que todas as persoas que o desexen poidan seguir a intervención de Ana Pontón na televisión pública estatal a partir das 22.00 horas.
Ao día seguinte, o xoves 15, si estará en Carballo Ana Pontón, quen fará un percorrido pola feira e no posto informativo do BNG na rúa Coruña a partir das 12.30 horas.