Ana Pontón: O 28 de abril é a oportunidade para ter voz propia en Madrid


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, definiu a cita electoral do 28 de abril como unha oportunidade para que Galicia volva recuperar voz propia no Congreso despois de que esta lexislatura demostrase a inutilidade das forzas estatais, que non fixeron máis que afondar a discriminación e  a irrelevancia política deste país. Por iso, proclamou, “é o momento de apostar polo BNG para defender Galicia,  dar a cara pola nosa xente e frear a involución democrática”, tendo en conta que nos comicios xerais “a decisión a tomar é se queremos ter representantes que dean a cara polos galegos e galegas, se queremos acabar co agravio e coa irrelevancia política”. Pontón destacou que o Bloque está preparado para enfrontar este proceso electoral e disposto “a ir a por todas” para pasar páxina dunha lexislatura moi clarificadora: “Primeiro o PP de Rajoi, con corrupción e discriminación, e despois o PSOE de Sánchez co apoio de Podemos-En Marea. En ambos casos, Galicia estivo igualmente ausente”, indicou. Por iso é clave recuperar unha voz propia o 28 de Abril.