Ana Pontón: “O BNG consegue nun mes o que Feixóo non foi capaz de lograr en dez anos”


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou o almorzo informativo de inicio de ano para poñer en valor o acordo de investidura logrado por un BNG que actuou “con alturas de miras e desde a responsabilidade”, poñendo por diante os intereses de Galiza e a necesidade de frear a involución democrática e de dereitos.

“O acordo significa un paso de xigante no papel de Galiza no Estado”, proclamou, “significa pasar a páxina da irrelevancia á que nos conduciron tanto as forzas políticas estatais como un Feixóo subordinado a Casado, secuestrado pola estratexia do PP de Madrid e significa colocar a axenda galega no Estado”.

Un apoio social maioritario que contrasta coas declaracións do xefe do Executivo galego, cuxa reacción airada Pontón atribúe á “vergoña” de ter quedado en evidencia ante un Bloque capaz de facer valer Galiza no Estado.

“A reacción de Feixóo é propia de quen queda espido e coas vergoñas ao aire, porque o acordo deixa en evidencia a súa incompetencia e submisión a Madrid despois de que o BNG conseguise nun mes o que el non foi capaz de lograr en dez anos de goberno. É a reacción de quen non foi capaz de defender os intereses de Galiza porque se limitou a ser recadeiro do PP de Madrid, pero demostramos que con coraxe e determinación é posible colocar as cuestións deste país no Estado e nesta liña imos seguir traballando”, explicou Pontón.