A portavoz nacional, Ana Pontón, destacou en Fene que o BNG é a única forza “libre de ataduras” para defender Ferrolterra das decisións dun Goberno central que, a través da alternancia PP-PSOE, cebouse na comarca con políticas que poñen na picota os sectores económicos, sector naval e industria electrointensiva como principais expoñentes.
“Nada podemos esperar dese bipartidismo PP-PSOE, salvo a mesma discriminación e ninguneo de sempre que primeiro afectou de cheo ao sector naval, e sigue, e que agora está afectando ao sector industrial, en particular ás empresas electrointensivas con centos de postos de traballo en xogo, coa ameza de peche da planta de ENDESA nas Pontes”, salientou, tras lembrar tamén o apoio de Podemos os orzamentos do Estado de Sánchez, pese a ser os peores para Galiza dos últimos vinte anos.
Por iso, a líder nacionalista considera urxente recuperar voz propia en Madrid “para facerse valer como país”. “Ou condicionamos a política do Estado a favor de Galiza ou veremos como seguen tomando decisións que son lesivas para os intereses de Ferrolterra e de Galiza, cando deciden por nós desde Madrid, Galiza perde”, recalcou.