Ana Pontón: ‘O cambio pasa polo BNG’

1 minutes read

A portavoz nacional e candidata do Bloque á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, afirma que o cambio en Galiza “pasa polo BNG”, un cambio que considerou “imparable” cunha “maioría social que non deixa de medrar e que quere ese cambio” para deixar atrás 14 anos de goberno do PP “que nos deixa unha Galiza peor da que encontrou”.

Así o afirmou logo da reunión da Executiva Nacional coa que o formación nacionalista arranca o proceso de cara ás eleccións galegas do próximo 18 de febreiro, data “para abrir un tempo novo” da man dun BNG “preparado para liderar o próximo goberno galego”, incidiu.

“Saímos a gañar, a gañar un futuro mellor para todos e para todas”, afirmou, para concluír que o cambio liderado polo Bloque é “a mellor lotería que lle pode tocar a Galiza” e o día para poder ter “un premio dun goberno que traballe pola maioría social e por darlle a este País un futuro mellor, é o 18 de febreiro”, concluíu.