Ana Pontón: “O vento de Galiza é noso e debe ser a xente do País quen se beneficie desa riqueza”


O BNG retoma as xornadas Parlamento aberto, suspendidas na pandemia, para abordar o debate sobre a enerxía eólica e sobre o modelo que convén ao País partindo dunha premisa: o vento é dos galegos e das galegas e esta riqueza debe poñerse ao servizo das maiorías sociais, das familias e das empresas. En definitiva, debe usar para desenvolver Galiza cun modelo sustentable, respectuoso co medio rural e co medio ambiente.

Unha idea que a portavoz nacional, Ana Pontón, destacou na intervención de apertura da xornada, asegurando que están sobre a mesa dous modelos antagónicos que camiñan en dirección contraria: o que defende os intereses de Galiza, que representa o BNG; e o que defende os intereses do lobby eléctrico, que auspicia o Goberno do PP.

“Estamos nun momento clave para o desenvolvemento da enerxía eólica, mesmo diría nunha encrucillada con dúas direccións, por un lado o modelo depredador e especulativo que promove o Goberno de Feixóo facendo de comercial das eléctricas; por outro, o  modelo sustentable do BNG, cunha premisa xusta e moi, moi fácil de entender: que o noso vento se poña a disposición do País, das familias e das empresas, para crear riqueza e emprego aquí.

“En definitiva, o modelo eólico sustentable a favor das persoas que defende o BNG e que, estou segura, apoia a maioría da cidadanía, fronte ao boom eólico depredador do PP a favor do lobby eléctrico”, sintetizou.

“O BNG da un si rotundo á enerxía eólica, pero a través dun modelo sustentable, respectuoso co rural e a favor da maioría social, porque non podemos permitir que esta riqueza se converta en barra libre para un novo pelotazo das eléctricas. O vento de Galiza e dos galegos e das galegas, e debe ser a xente deste País a que se beneficie desa riqueza”, concluíu Pontón.