Ana Pontón pide altura de miras para saír da crise


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, fixo balance dun ano de pandemia que aproveitou para poñer en valor á actitude exemplar do pobo galego, o que sitúa aos responsables políticos na obriga de estar a altura, cada quen desde a súa responsabilidade, e de acertar á hora de dar unha resposta que permita non só saír da crise senón sentar as bases do desenvolvemento da Galiza das próximas décadas.

Nese recoñecemento fixo especial mención a todas as persoas que traballaron en sectores que resultaron imprescindibles non combate contra a COVID, en particular na sanidade, nos coidados, nos servizos esenciais. Pontón non quixo centrar o balance nos erros cometidos polo Goberno de Feixóo, a quen atribúe unha xestión marcada pola improvisación, pola incapacidade de anticiparse e con mínima permeabilidade a aprender dos erros, como se viu na terceira onda, senón que optou por centrarse no que queda por facer.

E para iso, argumentou, “temos que actuar con intelixencia e tendo clara a folla de ruta para aproveitar os fondos europeos de recuperación, -os únicos extraordinarios-, dos que o BNG propón mobilizar 14.800 M€ a través do seu programa Xerar Futuro, Galiza Next, para sentar as bases do desenvolvemento das próximas décadas e para consolidar un modelo sanitario e de coidados que coloque as persoas no centro”.