A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de dereitos sociais, Olalla Rodil, presentaron a Proposición de lei para un novo modelo de residencias baixo a premisa de garantir unha vellez digna ás persoas maiores, calquera que sexan as súas circunstancias económicas e sociais, e desde o criterio de que non son meros usuarios e usuarias senón suxeitos de dereitos. O BNG considera que tras a pandemia non se pode seguir mirando para outro lado e facer como que non pasou nada.
A proposición de lei que o Bloque presenta no Parlamento ten como obxectivo garantir o dereito a unha vellez digna e ese obxectivo require planificar un sistema de residencias público, tanto na titularidade como na xestión; así como humanizar os coidados con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas maiores; aumentar os rateos de persoal por categorías, un servizo de inspección eficiente e específico e unha xestión transparente para que calquera cidadán interesado acceda á información dispoñible sobre o funcionamento, servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia do País.