Ana Pontón propón acabar co “amiguismo”, regulando por lei o reparto de fondos aos concellos

Cedida.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón a elaboración dunha lei, consensuada coa Fegamp, que regule a participación nos ingresos de Galicia dos concellos galegos e na que se clarifique a participación anual e os criterios de reparto co obxectivo de rematar coa discrecionalidade, o partidismo e o “método do amiguismo” que practica a Xunta do PP.

Así o avanzou nunha comparecencia logo do cumio municipal do BNG celebrado este sábado en Santiago para abordar diferentes asuntos que impactan na xestión dos concellos e na que advertiu que o 72,2% dos 488,5 millóns que a Xunta destinará o vindeiro ano ás entidades locais van ser distribuídos “de maneira discrecional”. “A Xunta pretende repetir un ano máis o método do amiguismo no reparto dos fondos públicos”, reprobou, para a continuación censurar a doutrina da última convención do PP segundo a que “aqueles concellos onde votan ben van ter máis recursos e os concellos que non votan ben, terán menos”.

Para a portavoz nacional, o grave é que esta forma de actuar “oscurantista e partidista” non só está na Deputación de Ourense, senón que tamén está instalada na Xunta de Galicia.