Ana Pontón propón adicar o 1% do orzamento a loitar contra a violencia machista

Foto.- bng.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control ao goberno para propoñer ao presidente da Xunta un acordo na tramitación dos orzamentos co obxectivo de destinar o 1% das contas de 2021 á loita contra a violencia de xénero, é dicir, 115 M€ o que suporía máis que triplicar os recursos actuais. “Aínda estamos a tempo: pactemos destinar o 1% do orzamento a acabar cunha violencia que afecta ás mulleres polo simple feito de selo, para que nunca máis teñamos que gardar minutos de silencio, para que nunca máis teñamos que ler na portada dun xornal este titular que nos encollía o corazón: Un neno de tres anos enfróntase ao seu pai cando pegaba a súa nai en Vigo. Nunca máis estes titulares e para logralo é necesario ter máis recursos”, alegou a líder nacionalista.