Ana Pontón propón ampliar a Rede Natura para protexer o territorio da «rapina» das eléctricas

1 minutes read

A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG vai levar ao Parlamento a proposta de ampliación de Rede Natura 2000 até o 20% do territorio, o que permitiría case duplicar o espazo protexido e preservar habitats de valor ambiental ante o espolio do lobby eléctrico en pleno boom eólico, convertido en barra libre polo Goberno do PP. A líder nacionalista explicou que ampliar o territorio protexido permitiría “paralizar os proxectos que non buscan o equilibrio ambiental senón a rapina das eléctricas, ante un Executivo de Feijóo que, lamentablemente, en lugar de defender o interese xeral actúa como un comercial das grandes empresas do sector”, denunciou. Pontón indicou que a Galiza do futuro será verde ou non será, e por iso o BNG defende avanzar cara un novo modelo económico sustentable, baseado na ciencia e na investigación, no que os recursos naturais se poñan ao servizo do País, como demanda a maioría social, en particular a xente nova.