Ana Pontón propón axudas directas ás empresas afectadas polo incendio no Ceao

Cedida.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou o Polígono industrial do Ceao para comprobar in situ os danos causados polo incendio que destruíu varias naves e valorar as medidas que se poidan adoptar para paliar os efectos da catástrofe e evitar que se perda nin actividade económica nin postos de traballo. Pontón indicou que ante a grave afectación que tivo o incendio en varias empresas, todas as administracións, -Xunta, Goberno central, Concello e Deputación-, “deben poñerse man a man a colaborar para restablecer o ritmo de actividade habitual no polígono do Ceao”. Tamén expresou o total recoñecemento do BNG ao traballo levado a cabo por todas as persoas que, dun xeito ou outro, participaron na extinción, tanto os profesionais como os que se sumaron de maneira voluntaria. Pontón non quixo aventurar ningún tipo de hipótese ou conclusión, á espera de que finalice a habitual investigación tras un lume, máis aló de valorar a antigüidade do polígono industrial, -empezou a súa actividade fai 43 anos-, e que tras as conclusións desa investigación procederá analizar se hai que tomar algún tipo de medida para mellorar a seguridade, traballando man a man administracións e empresas.