Ana Pontón propón unha comisión Xunta-Estado para negociar os Next Generation en Galicia


 A líder do BNG, Ana Pontón, propuxo ao xefe do Executivo a posta en marcha dunha comisión bilateral Xunta-Estado como o mellor foro para, desde unha relación de igual a igual, establecer canto lle corresponde a Galiza e deixar atrás a centralización para xestionar os Next Generation desde aquí.

“Sería o marco máis axeitado para garantir que os fondos chegan e que se usan ben”, sintetizou, tras criticar ao presidente galego polo feito de que, a día de hoxe, aínda non teña presentado o plan para saír da crise, “o que significa que, ou ben non ten plan, ou ben ten algo que agochar ao que se suma o feito de que non ten a máis mínima intención de despegarse do centralismo”. De feito, denunciou, “a estratexia de Feijóo consiste en poñer a Galicia ao servizo de Pablo Casado, convencido de que canto peor para Galicia, mellor para os intereses electorais do PP”.