A portavoz nacional, Ana Pontón, propón unha fronte común para defender en Bruxelas á frota galega fronte ao «mazazo» que supón para o sector a decisión da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo en 87 áreas da plataforma continental, unha decisión que cualificou de «arbitraria» que non ten en conta o impacto socioeconómico e que, segundo recalcou, pon en risco «centos e centos de empregos» en Galiza.
Así mesmo, advertiu, que a prohibición comunitaria «elimina da cesta da compra» toneladas de peixe fresco no medio da maior crise de prezos dos últimos anos, o que provoca un novo incremento de prezos e, polo tanto, que as familias «que xa non podían mercar peixe, se se aplica este regulamento, aínda o van ter máis difícil». «Isto o que vai provocar é un incremento dos prezos ou ben camiñar cara a unha maior importación, cando sabemos que moito do peixe que se importa doutras latitudes como China non ten nin os controis medioambientais, nin os requisitos dende o punto de vista sanitaria que ten o peixe que están pescando os barcos galegos», incidiu.
Pontón realizou estas declaracións logo da reunión que mantivo coa directiva da Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) para analizar o impacto dunha decisión que, segundo subliñou, se toma de xeito arbitrario, sobre informes desactualizados e que mesmo nin analizan o impacto real dalgunha arte concreta como, por exemplo, a do palangre de fondo.