Ana Pontón reclama solucións para A Mariña

A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou a representación do BNG na manifestación en Burela dentro da xornada de folga xeral convocada para reclamar futuro económico e social para A Mariña, que ten en risco máis de mil empregos directos, coas factorías de Alcoa e de Vestas como principais exemplos da crise industrial.

“Desde o BNG demandamos medidas concretas que deben plasmarse nos orzamentos do Estado e da Xunta, que debe recollerse en compromisos que teñen que figurar no DOG e no BOE”, subliñou Pontón, momentos antes de arrancar unha mobilización protagonizada por unha veciñanza “que da un golpe na mesa para expresar que está farta de promesas e de fotos”, alegou.

Para a líder do Bloque, a crise industrial na Mariña obedece a causas políticas, -como un marco enerxético que prexudica a competitividade das empresas nunha Galiza rica en electricidade-, e polo tanto “as solucións deben vir desde o ámbito político”, alegou, tras destacar que de nada lle vale A Mariña ter na Xunta a un presidente “que cando hai un problema en lugar de buscar solucións, busca culpables”. A contrario, corresponde a FeiJóo poñerse á fronte para darlle futuro á comarca e iso pasa pola intervención pública de Alcoa, na que deben participar e aportar os recursos necesarios Goberno central e galego, concluíu.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha