Ana Pontón reclamoulle á Xunta, desde Mazaricos, axudas directas ao sector agrogandeiro

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou desde Mazaricos ao Goberno de Alfonso Rueda axudas directas ao sector agrogandeiro para afrontar o aumento dos custos de combustibles, fertilizantes e todo o que ten que ver coa alimentación animal, unha medida que considerou urxente dado o actual contexto inflacionista a consecuencia da guerra en Irán.

Pontón reclamou ao Executivo que deixe de “arrastrar os pés” ante un “sector estratéxico” en Galiza e comece a tomar medidas para facer fronte á escalada de prezos apoiando aos produtores e produtoras galegas, polo que, ademais das axudas directas a gandeiros e produtores, emprazou á Xunta a abrir liñas de crédito para as Pemes.

Así mesmo, avogou pola estrita aplicación da lei de cadea alimentaria para garantir un prezo xusto para que os produtores “non teñan que producir a perdas” e por que non entre en vigor un acordo con Mercosur que vai afectar a unha parte do sector galego.

Así o dixo logo de visitar en Mazaricos, xunto ao alcalde da localidade, Juan Blanco, a Granxa Pazos, unha explotación leiteira da que destacou a súa calidade -xa que ademais fai transformación do produto cunha marca de xeado propio- e na que exemplificou o bo facer do sector lácteo, que fai que Galiza produza o 42% do leite fresco de todo o Estado.

A pesar deste bo facer dos produtores e produtoras galegas, advertiu, o prezo do leite foi en 2025 o máis baixo de todo o Estado, o que considerou unha “inxustiza” ante a que non se pode permanecer impasibles.

“Como pode ser que os nosos gandeiros e gandeiras produzan un leite de primeira, pero lles estean pagando os prezos máis baixos de todo o Estado? Como é posible que ademais isto pase nun momento no que no Estado español estamos importando leite de fóra, é dicir, non hai un exceso de produción, senón que hai máis demanda que produción? E como é posible que o goberno do Partido Popular de Rueda non mova nin un só dedo para acabar con esta discriminación e con esta inxustiza?”, cuestionou.

A líder nacionalista advertiu que a situación aínda pode empeorar xa que a industria está trasladando aos produtores que a negociación dos próximos contratos será á baixa, cun recorte de até oito céntimos por litro.

Por iso, nun contexto marcado polo incremento de prezos derivado da escalada bélica e pola baixada do prezo do leite, pediu ao Executivo do PP que tome tamén medidas de carácter máis estrutural, xa que o País conta cun “enorme potencial” para producir alimentos e, sen embargo, ten “un goberno que non está á altura e non está apoiando como debera ao sector”.

Así pois, neste punto emprazou a Rueda a “poñerse á fronte” e liderar un modelo no que se lle paguen uns prezos xustos a produtores e produtoras, para o que considerou clave recuperar a Mesa do Leite, “sentar a industria cos gandeiros e que se negocie un prezo xusto para un leite de máxima calidade”, subliñou.

En segundo lugar, defendeu a proposta do BNG para mobilizar terras co obxectivo de ampliar a superficie das explotacións agrogandeiras, en total, 100.000 hectáreas de aquí ao 2030, o que melloraría dunha maneira moi importante a competitividade do sector e evitaríase ter terreos en desuso.

Por último, urxiu á Xunta a resolver “dunha vez por todas” as axudas de 2025 para a incorporación de mozos e mozas á actividade gandeira que seguen sen ser resoltas cando, por riba, en Galiza existe un problema moi grave de relevo xeracional, xa que só o 3,5% das explotacións teñen á fronte a unha persoa menor de 35 anos.

“Estas son medidas que un goberno comprometido co sector estaría tomando e o que lle pedimos ao executivo da Xunta é que deixe atrás a súa pasividade e que se poña a tomar medidas eficaces e reais para axudar ao sector”, recalcou.

A portavoz nacional tamén se referiu á necesidade concreta do sector en Mazaricos á hora de contar con infraestruturas de calidade, tamén nuns camiños rurais que sufriron un deterioro moi importante logo das borrascas rexistradas nos últimos meses.

Pontón advertiu neste punto que o arranxo total destes camiños significaría un investimento de moitos millóns de euros que un concello da dimensión do de Mazaricos non podería acometer, polo que avanzou que o Bloque vai levar unha iniciativa ao Parlamento galego para que a Xunta habilite un crédito extraordinario para os concellos, que permita arranxar toda a rede de camiños rurais afectada polos temporais.

Unha cuestión que considerou “básica” para que as explotacións gandeiras poidan desenvolver a súa actividade con normalidade. “O que non é lóxico é que teñamos un goberno que nin tan sequera é capaz de botar unha man neste sentido”, concluíu, logo de coñecer de primeira man diferentes proxectos de dinamización económica nun concello que leva gobernado máis dunha década polo BNG e que exemplifica o modelo municipal de transformación da organización nacionalista.

Related posts

Un colombiano acepta cinco anos de cadea por intentar matar o seu compañeiro de piso en Santa Comba

A Deputación da Coruña apoia á Agrupación de Protección Civil de Santa Comba con máis de 11.000 € para material

A Deputación da Coruña dota de novos vehículos a seis entidades sociais da provincia