A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Nestor Rego, subiron ao camión para desprazarse entre o polígono de Sabón en Arteixo até o polígono da Sionlla en Santiago, nunha viaxe simbólica para reivindicar a transferencia da AP9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes.
O obxectivo desta especie de tráiler movie é denunciar o lastre que as abusivas peaxes supoñen para o sector do transporte, PEMES e para os 22.000 galegos e galegas que a usa a diario, por iso o BNG terá como prioridade no Congreso conseguir a transferencia, afirman, despois da inacción política, cando non do veto sistemático, imposto polas forzas estatais.
Con esta viaxe-denuncia, na que o BNG contou coa colaboración de FETRAN, queríase poñer o foco “no que significan as peaxes para o sector do transporte que é o mesmo que dicir para a economía tendo en conta que unha gran parte de mercadorías de distintos sectores se distribúen por estrada”, indicou Pontón.