Nun acto celebrado este martes en Cabana de Bergantiños, a líder do BNG, Ana Pontón, estivo acompañada por Evencio Ferrero (Carballo), Carolina Castiñeiras (A Laracha), Xosé Antonio Andrade (Coristanco), Tatiana Rellán (Cabana de Bergantiños), Miguel Varela (Malpica de Bergantiños), Fátima Rodríguez (Ponteceso) e Xosé Manuel Pose (Laxe), aos que definiu como “homes e mulleres que se presentan con toda a ilusión, con amor polos seus territorios e que van dar o mellor de si para facer avanzar os concellos nos que aspiran á Alcaldía”.
Ana Pontón puxo a Carballo como exemplo de que o BNG, “onde goberna, demostra que ten un modelo municipal transformador” que “fai avanzar en positivo”. Así, destacou que Carballo é hoxe “un referente en Galicia” polo seu “urbanismo sustentable e á medida das persoas”, así como “pola recuperación e a cohesión dos barrios ou polos servizos públicos que ofrece”.
“Carballo destaca tamén polas súas políticas feministas e a favor da igualdade social, polo seu gran tecido empresarial e comercial, pola conservación do medio ambiente, polo seu espectacular dinamismo cultural e pola defensa da nosa lingua común, o galego”, proclamou, “sendo un lugar excelente para vivir e traballar, con calidade de vida e con benestar”.
Ademais, segundo destacou a formación nacionalista nunha nota de prensa, a líder do BNG indicou que “o modelo de Carballo” é o que o BNG quere para todo Bergantiños, “con propostas en positivo, avanzadas, con determinación e con ilusión”.