Ana Pontón remite unha carta de ‘prioridades’ a Rueda


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha axenda de “prioridades” ante a “crise de prezos” que vive Galicia e que inclúe un paquete de 700 millóns de euros en medidas para aliviar a situación que viven os galegos e galegas, ademais un plan de atención primaria, medidas para unha “vellez digna” e actuacións concretas ante o “bum eólico”.

En rolda de prensa, Pontón indicou que lle brinda así “a primeira oportunidade” de “dialogar” nesta etapa que arrinca o Goberno da Xunta, ao que lle pide que “se poña as pilas” para “darlle solucións aos graves problemas” que ten Galicia. Ademais de remitir a que considera que debe ser a “axenda” prioritaria, Pontón avanzou que as medidas propostas tamén serán levadas en forma de iniciativas ao Parlamento de Galicia.

A portavoz nacional do BNG cre que estas propostas son unha base para “dialogar”. “Estou convencida de que Rueda ten unha primeira oportunidade se quere dialogar e chegar a acordos no noso país”, concluíu.