A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu por carta ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha axenda de «prioridades» ante a «crise de prezos» que vive Galicia e que inclúe un paquete de 700 millóns de euros en medidas para aliviar a situación que viven os galegos e galegas, ademais un plan de atención primaria, medidas para unha «vellez digna» e actuacións concretas ante o «bum eólico».
En rolda de prensa, Pontón indicou que lle brinda así «a primeira oportunidade» de «dialogar» nesta etapa que arrinca o Goberno da Xunta, ao que lle pide que «se poña as pilas» para «darlle solucións aos graves problemas» que ten Galicia. Ademais de remitir a que considera que debe ser a «axenda» prioritaria, Pontón avanzou que as medidas propostas tamén serán levadas en forma de iniciativas ao Parlamento de Galicia.
A portavoz nacional do BNG cre que estas propostas son unha base para «dialogar». «Estou convencida de que Rueda ten unha primeira oportunidade se quere dialogar e chegar a acordos no noso país», concluíu.
