A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexistrou este luns na sede do BNG un total de 1.745 avais, case nove veces máis dos esixidos, co obxectivo de encabezar o proxecto da formación nacionalista para as vindieras eleccións galegas e converterse na “primeira presidenta da Galiza» para dar á Galiza «o mellor Goberno da democracia».
En declaracións aos medios tras presentar as sinaturas, Pontón agradeceu o «agarimo» recibido ao longo dos últimos días por toda a organización para encarar o reto de liderar á organización na próxima cita electoral que terá que ter lugar en 2024. «É un momento moi emocionante e tamén un momento importante», dixo Pontón, que asegurou que é «unha honra» para ela «ter o apoio» de todo o BNG para encarar o «gran reto» que se abre coas eleccións galegas.
«Preséntome para ser a próxima presidenta da Xunta coa convicción de que este país necesita un cambio e que o BNG é a forza política que pode darlle o futuro que necesita», sostivo para destacar que ten «máis ilusión que nunca». «Síntome preparada e estou convencida de que podemos facer historia para que este país teña por primeira vez unha presidenta e podamos darlle o mellor goberno da democracia», afirmou. Pontón considerou que na sociedade galega «hai un cambio imparábel» que liderará o BNG. «E evidentemente necesitamos abrir as portas e xanelas da Xunta e este é o momento de facelo», incidiu.
A líder da oposición asegurou que quere ser presidenta para poder construír unha Galiza en grande. «Porque este país é grande pola súa xente polos seus recursos, polo seu potencial. Preséntome para ser a presidenta que lle devolva a esperanza aos galegos e galegas», incidiu. Segundo explicou Pontón, tras a presentación dos avais, agora a candidatura será debatida pola militancia nas asembleas comarcais. Tras as votacións nestes órganos, o proceso rematará o próximo día 25 de novembro coa ratificación por parte do Consello Nacional das votacións rexistradas nas asembleas.