Ana Pontón: “Temos que poñer fin a esta inxustiza” da relación calidade-prezo do leite en Galicia


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou unha explotación láctea en Sarria nun momento de caída dos prezos do leite que, ademais, coincide cun incremento dos custes de produción, tanto pola suba da factura da luz como de materias primas e alimentarias básicas, poñendo en risco un sector que é fundamental para a economía e para a preservación do medio rural.

A líder do Bloque identificou tres graves ameazas que para a viabilidade de moitas explotacións: os baixos prezos que a industria está pagando aos gandeiros e gandeiras, o incrementos dos custes de produción e a práctica das cadeas de distribución de vender a perdas utilizando o leite como produto reclamo. “Estas tres ameazas son unha tormenta perfecta que pon en apuros a moitas explotacións lácteas”, indicou.

Ante esta situación, destacou, o Goberno de Feijóo non pode mirar para outro lado senón que debe aportar solucións e, neste sentido, avanzou catro propostas do Bloque en defensa do sector, das que o Executivo do PP debería tomar nota.

Convocar á industria e a produtores e produtoras, actuar sobre as cadeas de distribución alimentaria, mobilización de terras para ampliar a superficie das explotacións, e mellorar a competitividade das explotacións a través da investigación e da eficiencia enerxética.

Medidas concretas que o Goberno galego debe poñer en marcha a favor do sector, destacou Pontón.