Ana Pontón: “Ten que ser a lexislatura dos grandes acordos a favor de Galiza»

1 minutes read

Os 19 deputados e deputadas do BNG tomaron posesión este venres do escano declarando o seu compromiso “a ser fiel a Galiza, a defender os dereitos nacionais e sociais das galegas e dos galegos e a súa liberdade”, nunha lexislatura, a undécima, marcada pola COVID19 pero, sobre todo, polas duras consecuencias económicas e sociais da pandemia.

Así o salientou na súa comparecencia ante os medios a portavoz nacional, Ana Pontón, declarando que “son tempos difíciles nos que a maioría dos galegos e das galegas está preocupada polo seu futuro, polo seu traballo, porque non saben se van poder manter aberto o seu negocio, preocupadas pola saúde, preocupada porque non saben que vai pasar cos seus fillos e fillas no curso escolar, preocupada polo coidado das persoas maiores”. Por iso, é preciso que o Parlamento estea “á altura” e que esta sexa a lexislatura dos grandes acordos de país, explicou.