- Pontón apoiou a sanidade e a seguridade viaria, afirmando que o BNG solicitará no Parlamento que se “axilice a tramitación da circunvalación”, proxecto que o PP meteu “nun caixón” deixándoo caducar.
A Portavoz Nacional do BNG estivo acompañada polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, a concelleira de Educación, Mar Eirís, o deputado no Parlamento galego, Daniel Pérez e varios membros da corporación. A portavoz nacionalista conversou co director do centro CEIP Fogar, un dos maiores de Galicia, e compartiu algunhas das principais prioridades do goberno municipal, entre as que destacou: a defensa do ensino, a sanidade pública e a cultura. Afirmou que o BNG defenderá no Parlamento galego, unha batería de iniciativas co fin de reforzar o ensino con máis recursos, “despois de 12 anos de recortes do Goberno do Partido Popular”. Reiterou que a pandemia evidenciou as carencias do ensino e explicou que Galicia precisa unha educación pública de calidade “un ascensor social” con idénticas oportunidades á marxe da procedencia económica do alumnado. Os países que máis invisten en educación son os que contan con máis benestar e progreso e Galicia debe xogar “na liga do coñecemento”, recalcou.
Seguridade viaria
Ana Pontón salientou que unha das preocupacións nas que está a traballar o grupo municipal é a referida á mobilidade no entorno da zona escolar de Carballo así como na seguridade dos nenos e nenas no acceso ao colexio. A falta dunha circunvalación provoca unha grande densidade de tráfico e dende o BNG, dixo a nacionalista, solicitaremos no Parlamento que se “axilice a tramitación da circunvalación”. Porque no ano 2009, lembrou, xa existía un proxecto que o Partido popular meteu “nun caixón” deixándoo caducar e agora debe ser reiniciado o proceso polo que pediremos “o máximo rigor pero tamén, a máxima celeridade” para garantir a seguranza viaria de todos os carballeses e carballesas.
Defensa da sanidade pública
A portavoz nacionalista participou na concentración de apoio ás demandas dos traballadores e traballadoras do SERGAS e as denuncias pola falta de medios na Atención Primaria. No PAC de Carballo, Pontón lembrou que nesta localidade as listas de agarda superan os vinte días para unha consulta ao médico ou médica de cabeceira. Nesta liña, pediu á Xunta que “rectifique” e poña en marcha un “plan con 200 millóns de euros máis para reforzar a Atención Primaria e recuperar a presencialidade” porque a atención sanitaria, dixo “é un dereito que temos que preservar”.