Analizados os elementos que garanten a accesibilidade da estación intermodal de Santiago

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaron as instalacións da nova terminal de autobuses con representantes da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, encabezados polo seu presidente, Anxo Queiruga.

O percorrido pola nova estación de autobuses, rematada a principios deste mes, e pola pasarela, cuxas obras finalizarán tamén en marzo, responde ao interese de COGAMI por coñecer as novas instalacións e por avaliar as medidas que se teñen disposto para facilitar a accesibilidade. A visita enmárcase na liña de colaboración que vén mantendo a Xunta con este colectivo a prol dunha maior accesibilidade no transporte, tanto a través das infraestruturas, como as estacións intermodais, como dos servizos.

Os representantes da entidade puideron comprobar o traballo da Xunta para facer accesibles as instalacións e facilitar os desprazamentos de persoas con mobilidade reducida, a través da disposición dos ascensores nos accesos desde o edificio de viaxeiros ata as dársenas; así como a través da rampla exterior urbana para a conexión das estacións de autobuses e de tren, e destas coa cidade.

A nova infraestrutura conta, tamén, con percorridos podotáctiles para persoas cegas ou con limitacións de visión. No deseño da estación de autobuses tivéronse en conta, ademais, as necesidades especiais de diferentes colectivos, por exemplo, coa disposición de baños para usuarios ostomizados.

Durante a visita, os representantes de COGAMI puideron coñecer o novo edificio da estación de autobuses, de 2 andares, cun total de 36 dársenas e unha superficie que supera os 13.000 metros cadrados. Tamén comprobaron os últimos retoques que se están a levar a cabo na pasarela de conexión peonil entre os barrios do Ensanche e Pontepedriña que e, á súa vez, permitirá a conexión entre a estación de ferrocarril e a nova estación de autobuses.

Unha vez que finalicen os traballos da pasarela, neste mesmo mes de marzo, queda pendente para a posta en servizo da nova infraestrutura que o Concello de Santiago formalice os contratos dos servizos necesarios para o correcto funcionamento da estación, como limpeza, seguridade ou información.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha