Analizan medidas específicas para impulsar o turismo rural

Casa O Gurés_Muxía.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reuniuse con representantes de varios xeodestinos galegos para abordar os efectos nestas áreas da crise sanitaria do coronavirus. Neste sentido, salientou que a Xunta está a ultimar un plan de reactivación para os sectores cultural e turístico, dotado con 25 millóns de euros, que incluirá medidas específicas para os xeodestinos co obxectivo de impulsar o turismo rural no escenario posterior ao COVID-19.

A xuntanza permitiu poñer de manifesto a importancia que os distintos xeodestinos teñen no modelo turístico galego, especialmente no rural. Por iso, afondouse na cooperación para contribuír á recuperación do sector a partir de produtos renovados, ao tempo que o Goberno autonómico traballa nunha nova campaña de promoción.

Esta reunión enmárcase nos encontros que a Xunta está a manter nestas semanas co sector e coas diferentes administracións e axentes implicados para traballar no novo escenario turístico e elaborar os protocolos e medidas máis axeitados en cada escenario.

Participaron alcaldes e representantes de Arousa Norte, Costa da Morte, Ribeira Sacra, O Salnés, Terras de Pontevedra, Ferrolterra, Mariña lucense, O Ribeiro, Muros-Noia, As Mariñas, Celanova-Baixa Limia, Manzaneda-Trevinca, Condado-Paradanta, Terras de Compostela, Ría de Vigo-Baixo Miño, Verín-Viana e Deza-Tabeirós e Ancares Courel.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha