Andrés, o especialista de Corme en cazar o mar de ardora

2 minutes read

Trátase dun fenómeno luminoso producido no océano onde grandes masas de auga emiten unha misteriosa luz azul debido, segundo recentes estudos, á proliferación dunha bacteria bioluminiscente (Vibrio harveyi) e do dinoflagelado Noctiluca scintillans asociados ás microalgas de plancto. A bioluminiscencia esténdese en todas direccións e poden manifestar a súa luminosidade durante días ou horas.

Este resplandor nocturno, citado por primeira vez por Julio Verne na súa obra Vinte mil leguas de viaxe submarina cando relatou a travesía do Nautilus a través dunha capa fosforescente (atribuída na novela a miríadas de animais mariños luminosos), foi tamén, durante séculos, mito dos mariñeiros que sucaban o Índico.

Este fenómeno foi reportado na baía da Habana en 1857-58 por Eduard R. Zimmerman, sen especificar a cor da bioluminiscencia. Os científicos empezaron a rexistrar este fenómeno en 1915, quedando recoñecidos en todo o planeta máis de 200 mar de ardora, concentrados na súa maioría no noroeste do océano Índico e próximos a Indonesia. Outros lugares onde se puido visualizar este espectáculo luminoso foron a costa de Somalia (África), a costa atlántica galega e a baía Fosforescente, en Porto Rico.

En 2005, un grupo de investigadores do Laboratorio de Investigación Naval de EE. UU. e do Instituto de Investigación do Acuario da Baía de Monterrey, dirixidos polo científico Steve Miller, conseguiron fotografar, por primeira vez, este fenómeno a través do satélite oceanográfico. Esas fotos foron publicadas en novembro dese mesmo ano na prestixiosa revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences.

Andrés, máis coñecido nas redes e no seu círculo como Drew Korme, é un amante da música, pero tamén da fotografía nocturna. Nunha das súas saídas para retrarar a Vía Láctea na Costa da Morte, onde vive, descubriu por vez primeira o mar de ardora.

Drew aprecia un mar de ardora especialmente intenso na Costa da Morte, vén recollendo dende fai tempo fotos e vídeos deste fenómeno, resultado da concentración dun organismo mariño que emite bioluminiscencia. “Parecen efectos especiais dunha película, como aluma todo ao redor. Ves os peixes marchando, deixando o rastro de luz xusto rodeándote”, explica.

O mar de ardora é máis frecuente entre xuño e setembro e aínda que aparece sen previsión nin aviso, de ter a sorte de estar no lugar e no momento precisos, convén tamén que se dean certas condicións. “Sen contaminación lumínica, sen lúa e que haxa algo de mar serían as mellores condicións”, explica Drew.