Andrés, máis coñecido nas redes e no seu círculo como Drew Korme, é un amante da música, pero tamén da fotografía nocturna. Nunha das súas saídas para retrarar a Vía Láctea na Costa da Morte, onde vive, descubriu por vez primeira o mar de ardora.
Drew aprecia un mar de ardora especialmente intenso na Costa da Morte, vén recollendo desde xullo fotos e vídeos deste fenómeno, resultado da concentración dun organismo mariño que emite bioluminiscencia. «Parecen efectos especiais dunha película, como alumea todo ao redor. Ves os peixes marchando, deixando o rastro de luz xusto rodeándote», explica.
O mar de ardora é máis frecuente entre xuño e setembro e aínda que aparece sen previsión nin aviso, de ter a sorte de estar no lugar e no momento precisos, convén tamén que se dean certas condicións. «Sen contaminación lumínica, sen lúa e que haxa algo de mar serían as mellores condicións», explica Drew.

