Ángeles Vázquez: “Case a metade dos concellos galegos teñen plan urbanístico”

1 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou este mércores que case a metade dos concellos galegos xa teñen un plan de ordenación urbanístico adaptado á normativa vixente ou están a piques de acadalo.

Así o puxo de manifesto durante a clausura da xornada Urbanismo responsable. Cinco anos da Lei do solo, onde reiterou que son 151 as entidades locais, un de cada dous concellos, os que contan cunha ferramenta de ordenación adaptada á lei vixente.

Detallou que son 108 os municipios que dispoñen dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) adaptado á Lei e outros 25 atópanse coa tramitación moi avanzada, pois xa contan coa memoria ambiental, o último trámite no que intervén a Xunta de Galicia antes da aprobación definitiva. Esta lista péchase cos 18 concellos que traballan no seu Plan Básico Municipal (PBM), un instrumento que dota aos concellos de menos de 5.000 habitantes dunha ordenación urbanística básica.

A conselleira destacou que as cifras actuais de planeamento son unha mostra que de ao longo destes anos o Goberno galego estivo ao lado dos concellos para dotalos dun instrumento de ordenación que faga posible o seu crecemento ordenado. Ao mesmo tempo, é un sinal de madurez da sociedade galega, pois se no 2009 eran 33 os concellos que contaban cun planeamento acorde á lei, hoxe xa son 151; ou o que é o mesmo, no ano 2009 había 77 concellos sen ningún planeamento, mentres que hoxe son 19.