Ángeles vázquez fixo un chamamento en Caión a librar as praias de ‘basuraleza’ no San Xoán

Durante unha visita á praia de Caión, no concello da Laracha, acompañada do alcalde, José Manuel López Varela, e do delegado en Galicia de Ecoembes, Bruno de Llano, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, incidiu na importancia de “gozar da noite de San Xoán sen deixar pegadas” e garantir, deste xeito, a boa conservación dos nosos areais. “Non debemos deixar atrás os residuos que xeremos, senón que temos que depositar cada un no contedor correspondente”, asevereu.

Os tres obxectivos a perseguir son protexer a biodiversidade, os recursos hídricos e o solo; sensibilizar aos participantes nestas celebracións, e evitar a produción de residuos e reutilizar ou reciclar os residuos xerados.

Nesa liña, Ángeles Vázquez salientou a actividade 1mcontra a basuraleza do Proxecto Libera de SEO/Birdilife, en alianza con Ecoembes, co que a Xunta colabora desde hai máis de cinco anos.

De feito, vén de celebrarse a sexta edición desta recollida colaborativa cidadá, que ten como obxectivo concienciar sobre o impacto ambiental da basuraleza e amosar o compromiso da sociedade coa protección e preservación do medio ambiente. En Galicia, a iniciativa desenvolveuse, a pasada fin de semana, en 44 espazos naturais, nos que preto de 900 participantes retiraron 339 quilos de basuraleza.

Durante esta actividade os residuos máis atopados foron cabichas, seguidas dunha gran cantidade de bolsas, envoltorios de comida e outros obxectos como máscaras, toallas hixiénicas e pneumáticos, que causan un grande impacto no medio natural, o que fai fundamental este tipo de campañas de concienciación e sensibilización cidadá.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha