Ángeles Vázquez, informou na Laracha dos resultados da recollida da quinta fracción

Cedida.

No marco dunha reunión cos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Santa Comba e Arteixo, que teñen implantada xa a recollida da fracción orgánica, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou na Laracha que a Lei de residuos estatal —en vigor desde o pasado 10 de abril— introduce prazos “moito máis restritivos” que os fixados pola UE para realizar esta transición.

Vázquez advertiu de que o prazo fixado por lei polo Goberno central para implantar o contedor marrón para a recollida de biorresiduos, que finaliza o vindeiro 30 de xuño, resulta “totalmente inasumible” para a maior parte dos concellos de máis de 5.000 habitantes. A conselleira subliñou que o Goberno galego redactou unha Lei de residuos autonómica “acorde e coherente” coa directiva marco comunitaria e impulsou tamén a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, cun orzamento de 60 millóns de euros e destinada a garantir que a gran maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

A tal fin, deseñouse unha rede de infraestruturas composta por 17 instalacións —4 dirixidas ao tratamento dos residuos orgánicos e 13 plantas de transferencia cunha tolva específica para recoller estes residuos—. Unha delas é a planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda, en funcionamento desde o ano 2020 e coa que actualmente teñen subscrito un convenio os cinco concellos coruñeses cos que se reuniu esta mañá a conselleira. Neste sentido, a responsable autonómica indicou que ata o momento estas instalacións xa recibiron unha achega de preto de 1.000 toneladas de materia orgánica.

En todo caso, afirmou que a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario.