Hai futbolistas que nunca esquecen de onde veñen, independentemente dos éxitos que vaian colleitando ao longo da súa carreira. Un deles é Angeliño Tasende. O lateral do Red Bull Leipzig, que militou durante varios anos na canteira de Abegondo, sempre ten boas palabras para o Deportivo. Non en balde, este luns, nunha entrevista co diario MARCA, o coristanqués volveu deixar boa mostra diso.
O encontro telemático tivo lugar en Instagram, e ademais das preguntas do xornalista Hugo Cerdeira, tamén podían interactuar os afeccionados coas súas.
Unha desas cuestións lanzadas polos usuarios foi: “Dépor ou Celta?”. Angeliño, entre risas, tívoo claro: “Fácil, fácil, Dépor, moi fácil, moi fácil, o Dépor. En Galicia non hai competencia”, sinalou con certo orgullo. Nesa liña, o xornalista de MARCA preguntoulle se sufría moito cos últimos tempos do club branquiazul. Angeliño foi franco. “Mellorou un pouco, pero doe que estean sempre en situacións así. Tiveron a ocasión contra o Mallorca, complicóuselle o tema fore (de casa). Eu de feito estiven aos ver un partido antes diso -refírese ao Dépor-Córdoba, onde o vin na bancada-. Estiven alí no estadio, apoiando ao equipo. Estiveron moi preto. Necesita xogadores que estean máis comprometidos, eu creo. Pero bueno, están aí, cambiaron moito con Fernando Vázquez, foron a mellor. Espero oxalá velos pronto en Primeira outra vez”.
Por último, deixou unha resposta sorprendente. Preguntado sobre se preferiría gañar unha Copa co Deportivo ou unha Liga co Manchester City, club propietario dos seus dereitos, Angeliño non puido ser máis directo. “Eu é que tiro co Dépor, eu é que tiro co Dépor, si, si, si”, concluíu. Unha nova mostra de agarimo de alguén que, desde a distancia, segue pendente do equipo dos seus amores.